Monday 16 de September de 2024

O BNG levará ao pleno de maio as inmediatas mudanzas da liña municipal Lorbé- O Burgo e perguntará polo proceso de elaboración das mesmas


Dadas as eivas, só atribuíbeis á Xunta, no transporte metropolitano en Oleiros mil veces denunciadas polo BNG, o Concello decidiu facer trocos na liña municipal que até o de agora chegaba ao Burgo para así atenderen as áreas máis demandadas. Entendemos que estas áreas tamén serán as máis necesitadas e abandonadas polo transporte público. Seguro que áreas como NÓS ou Iñás verán incrementada a súa oferta, son dúas das áreas nas que máis e mellor incidía esta liña até O Burgo. Dende o BNG gostaríamos de saber e coñecer eses estudos que aconsellan modificar a liña e no seu caso ás necesidades da cidadanía e como foi consultada.

Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
O BNG acha necesario algún paso e peóns á altura do Parque Rosalía Mera coa Rúa do Mar
A recente apertura do parque Rosalía Mera fai prever un incremento de visitantes e veciñas a esta área de lecer. Á altura do Parque coa Rúa do Mar achamos máis que necesaria a creación dalgún paso de peóns, cómpre lembrar que se trata dun “atallo” bastante empregado polos vehículos privados como alternativa á conxestionada AC173, se callar máis nas inminentes datas estivais.
Pediremos ao Concello que considere esta necesidade.
Posíbel infrautilización do Torreón Bescansa
No pasado pleno de xaneiro perguntamos polos usos que se lle estaban a dar ao Torreón Bescansa, reformado a fondo hai xa uns anos e que nun primeiro intre ía ser destinado para local para a mocidade, proxecto que no callou, e con posterioridade foron levadas para alí algunhas dependencias de servizos sociais. No mes de abril foi “prestado” ao Estado para que dende o mesmo se poida notificar o levantamento das actas aos propietarios afectados da expropiación da Ponte de Pasaxe. Descoñecemos a onde se trasladaron os servizos alí radicados, mais non considera que isto proba unha certa infrautilización das instalacións?
Asolagamentos na Rúa Bartolomé de las Casas
Cada vez que chovía con certa continuidade rexistrábase un novo episodio de vertidos e fedores nauseabundos no comezo da Rúa Bartolomé de las Casas, na parroquia de Nós, procedente da obsoleta rede de saneamento que dá servizo á zona. Na actualidade após novas canalizacións de Concellos e Xunta seguimos cunha diagnose parecida, asologamentos sen cheiros, mais asolagamentos en todo caso. O Concello de Oleiros substituíu xa hai uns anos(cun orzamento de 188.000 euros) o colector de saneamento, na parte que pertence a Oleiros na Rúa Barcala, co gallo de dotalo de maior capacidade hidráulica e dunha maior estanqueidade que evite infiltracións de augas e dotalo de maior pendente alén de garantir o seu correcto funcionamento en períodos de choiva.
No pleno de maio perguntaremos ao alcalde se acha que o devandito colector, alén das claras responsabilidades de Xunta e Concello de Cambre, cumpriu os seu obxectivos dados os continuos e actuais rebordamentos nesta zona da Gándara.

O BNG pedirá ao Concello a participación no deseño das vindeiras edicións da feira do Libro de Oleiros loureiradas bibliotecas municipais e Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega alén de incluíla no calendario de Feiras do libro organizadas pola Federación de Librarías da Galiza
É coñecida a demanda de fomento do comercio local que o BNG de Oleiros introduce día si e día tamén, ao igual que a defensa da cultura nas súas variadas dimensións. Boa iniciativa a da primeira Festa do Libro a iniciativa das nosas librarías e dunha asociación chamada Asociación Gallega de Escritores (non confundir coa Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega) escritoras que escreben case unicamente en español. Non temos constancia da colaboración preferente das nosas loureiradas bibliotecas municipais no deseño da Feira, nin dos servizos de normalización lingüística do Concello, nin da Asociación de Escritoras en Lingua Galega fundada no ano 1980 por algúns/algunhas dos/as escritores/as máis sobranceiros/as da nosa historia literaria e dela foron membros Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Xela Arias e Luisa Villalta (escritora a quen irá dicado este ano día das Letras Galegas) entre outros/as e cuxo presidente é veciño de Oleiros. Tampouco está incluída no calendario de Feiras do libro organizadas pola Federación de Librarías da Galiza.
Pediremos ao Concello de Oleiros que en vindeiras ocasións teña en conta estas imprescindíbeis achegas que fagan de Oleiros unha referencia no eido da cultura das nosas autoras e tamén das nosas librarías. Reiteramos os parabéns pola iniciativa.